«As empresas de transporte por estrada untan ao goberno autonómico para que non cre o tren de cercanías»

Recén chegados ao goberno cambrés, Dani Carballada e Brais Cubeiro abogan por traballar arreo para acadar maiores tasas de benestar para os veciños de Cambre.

 - Que balance fan destes primeiros días no goberno?
- Dani Carballada: Estamos aterrizando, tomando contacto con múltiples problemas e intentando buscarlle solucións ás cuestións máis urxentes. Temos que destacar a boa acollida que tivemos por parte de funcionarios e traballadores do concello.
- Unha chegada ao goberno da que se falaba dende hai tempo pero que tardou ano e medio en pecharse.
- Dani Carballada: Por un lado, houbo un calendario saturado de eleccións que, de algunha maneira, dificultaba atopar o momento óptimo e, por outro lado, houbo un proceso de mellora da relación entre os diferentes grupos que imos a formar o goberno.Nós, agora mesmo, temos unha relación de confianza mutua e de fluidez no trato co grupo socialista e iso, quizáis, antes non se daba.
- Que valoración fai o BNG do funcionamento do goberno até agora? 
- D. C.: Entendemos que hai áreas que están funcionando a maior velocidade que outras, porque a acción municipal neste ano e medio centrouse máis nelas. Outras ficaron máis esquecidas porque era un goberno en minoría e moi condicionado por esa circunstancia.
 Pero sobre todo, hai un cambio na actitude e no diálogo coa oposición e coa sociedade de Cambre e hai ganas de afrontar a modernización da administración local que Cambre necesita. Neste senso, nós entendemos que se dá unha mínima sintonía para poder participar do goberno.
- Que vai aportar o BNG ao goberno cambrés?
- D. C. : O BNG é unha forza da esquerda real e transformadora, que cremos noutro modelo económico e social máis xusto. Nós queremos facer máis por quen menos ten. Nese senso queremos priorizar un maior investimento social e cultural, en infraestructuras e actividades deportivas e facer do transporte un factor de igualdade social.
Imos ser a parte roxa do goberno e intentaremos que Cambre sexa un concello máis social.
- Como sentou na oposición a incorporación do BNG ao goberno?
- D. C. : Temos unha relación cordial con todas as forzas políticas e agardamos que esa situación mellore coa nosa estadía no goberno. Queremos ter todas as canles abertas coa oposición, todo o diálogo e, por suposto, acadar o maior grado de participación posible.
- Por donde pasan as liñas de actuación do BNG en materia de cultura?
- D. C. : En Cambre, que xa conta cunha importante actividade cultural, poderían facerse moitas máis actividades e máis proxectos a nivel cultural pero temos un problema a nivel dotacional, a nivel de infraestructuras.
 Actualmente tendo puntos moi fortes como poden ser as bibliotecas, fáltanos unha gran infraestructura central para un concello como Cambre con 24.000 habitantes; un auditorio donde poder realizar actividades de carácter teatral e musical do máis variado e unha biblioteca central á altura dos parámetros do século XXI.
 Temos que afrontar este problema e dotar a Cambre dun edificio polivalente á altura do que demanda o noso concello.A maiores diso, temos que cuidar moito o asociacionismo cultural e implicar cada vez a máis xente na asistencia e organización da programación cultural. Queremos replantexar e adecuar aos tempos actuais temas como o Rock in Cambre, o Certame de Pintura e o Entroido, pero sempre en contacto coa xente e engandindo melloras, nunca restando. Son actividades que funcionan ben e foron exitosas pero chegou o momento de darlles unha volta.
 No Certame de Pintura é o momento de apostar por valores novos e por xente de aquí; do Rock in Cambre hai que debatir se manter un único día ou apostar polo formato festival de varios días e, no tema do Entroido, teremos que ver se queremos que veña xente de fóra polos premios ou apostar por unha celebración máis veciñal. Son temas que teremos que ver e pulir.
- En deportes, que liña vai a seguir o novo concelleiro?
- B. C. : O primeiro que imos facer é reunirnos con todos os clubes e asociacións deportivas do concello, para ver como está a súa situación e que necesitan, e ver así como é a situación do tecido deportivo do concello.
Tamén temos que mirar o tema da piscina que, debido ás últimas obras, perdeu unha cantidade importante de usuarios que previsiblemente acabaron en piscinas de outros concellos. Temos que ver como podemos potenciar o nivel de usuarios mellorando os seus horarios así como a programación que oferta.
- En materia deportiva, os clubes de deportes minoritarios sempre se queixan de falta de instalacións e escasas axudas. Coa xestión do BNG vai mudar esta situación?
- D. C. : Temos que mirar como podemos concordar todas as disciplinas deportivas que hai no concello e que poidan usar tamén as instalacións que hai no municipio. Hai que apostar por determinadas instalacións que xa hai en Cambre, sobre todo no rural que, se ben non sirven para a práctica federada, si poden servir para a práctica deportiva a nivel afeccionado.
Tamén apostamos por potenciar actividades na ría que nestes momentos está infrautilizada.
- En materia de mobilidade, que obxectivos se marca o BNG?
- D. C. : Hai que darlle unha volta ao tema da mobilidade e, en primeiro lugar, dicir que somos partidarios de rescatar as concesións de transporte público por estradas para que sexa a administración pública a que xestione este servizo no que debe primar o carácter social do mesmo e non o beneficio económico das empresas.
 A partir de aí, hai que revisar as frecuencias e liñas que comunican Cambre coa Coruña, plantexando a comunicación directa coa AP-9 que, en horas punta, pode supor un aforro de tempo importante para os nosos veciños.
 A maiores, no transporte intramunicipal, entendemos que hai que reordenar as liñas para cadrar horarios coas que comunicna coa Coruña e mirar de estender o servizo aos fins de semana. Cremos que hai que buscar a fórmula de volver a un transporte como o noite bus para os máis novos, rompendo así o binomio coche-alcohol. Outra cuestión principal para nós é o tema do tren de cercanías porque é a grande solución de transporte dos principais núcleos de Cambre coa cidade de A Coruña, e está absolutamente abandonado.
- O de rescatar as concesións do transporte por carretera vai ser unha gran loita contra o sistema establecido.
- D. C. : Non é unha cuestión únicamente municipal pero vivimos un tempo político moi cambiante donde se vai crear unha área metropolitana e nós cremos que a área metropolitana debe ter plenas competencias sobre o transporte metropolitano. Este mes de novembro, Lisboa, que non é precisamente unha aldea, acaba de nacionalizar o transporte de autobuses e cremos que ese é o bo camiño.
 Mentres non conseguimos ese obxectivo debemos traballar por unha mellora sucesiva en frecuencias, liñas, na calidade do servizo e nos presos.
- O tema do tren tampouco é doado. Moito se leva falado dun tren de cercanías que non acaba de arrancar. Que falla?
- D. C. : Nós vimos ao goberno, entre outras cousas, a dicir verdades. Actualmente as empresas privadas de transporte por estrada untan ao goberno autonómico do Partido Popular para que non cre un servizo de cercanías ferroviarias, porque sospeitan que perderían boa parte dos seus clientes.
 Cuestión coa que nós non estamos dacordo porque, unha vez introduces á xente no uso do transporte público, a xente vaise derivando de forma natural cara a intermodalidade, e sería ganancia para todos. O transporte ferroviario faise a través dunha empresa pública e non se aposta por ela porque hai intereses económicos das empresas do transporte por estrada.

Tags: