O concello reducirá as taxas por licenza
de actividade para as explotacións agrogandeiras
Redacción-Ordes
 |
| Desde a esq., Jesús
Pedreira, Manuel Regos e Roberto García |
O goberno ordense estuda aplicar reducións
nas taxas de concesión de licenza de actividade para as explotacións
agrogandeiras. Seguindo unha proposta do sindicato Unións
Agrarias (UUAA), as bonificacións serían do 80%, e
incluso de ata un 95% no caso de explotacións consideradas
prioritarias.
Con todo, a proposta definitiva prantexarase no pleno ordinario
de finais de setembro. De momento, os servizos xurídicos
municipais estudan a súa viabilidade e a súa repercusión.
Non son industrias
Na actualidade, a ordenanza do concello que regula a concesión
de licenzas de actividade fixa unha base impoñible da taxa
de 3,15 euros por metro cadrado, cun incremento do 50% para actividades
catalogadas como molestas, insalubres e perigosas.
O secretario xeral de UUAA, Roberto García, explicou que
os gandeiros “cada cinco ou seis anos teñen que facer
investimentos nas instalacións, o que leva á necesidade
de solicitar licenza de actividade que, ao estar ligada a un número
de metros cadrados moi elevado, a aplicación da ordenanza
leva aos agricultores e gandeiros a ter que pagar cantidades cuantiosas”.
Neste sentido, o alcalde, Manuel Regos, asegura que “un agricultor
non é o mesmo que unha grande industria para afrontar ese
desembolso de cartos”. O goberno local ve nesta medida unha
forma de “axudarlle no posible” a un sector que atravesa
unha crise constante, pola baixada de prezos en orixe e o incremento
de custos de produción.
Regos destacou tamén que o concello quere apoiar ás
explotacións “dotándoas dos servizos necesarios
para que continúen coa súa actitividade”, a
través da área municipal de Medio Rural que dirixe
Jesús Pedreira.
Ordes é o primeiro concello onde UUAA presentou esta iniciativa,
que en vindeiras datas levará a outras comarcas de Galicia. |