|
|
O concello investirá 650.000 euros en
auga e saneamento ata 2011 Redacción-Mesía
O concello disporá duns 650.000 euros
para executar obras de abastecemento de auga potable e de saneamento
ata 2011. Boa parte desta cantidade corresponde aos arredor de 450.000
euros dun plan de cooperación da Deputación. Os outros
200.000 proveñen dun proxecto aprobado hai unhas semanas pola
consellería de Medio Ambiente.
O pleno municipal xa aprobou por unanimidade os proxectos a incluír
no plan provincial. Un deles, de 112.000 euros, contempla instalar
as acometidas domiciliarias de auga potable en vivendas das parroquias
de Albixoi, Bascoi, Lanzá, Mesía e Xanceda. Son as zonas
que xa dispoñen da rede principal de distribución. A
obra permitirá o inicio do suministro municipal de auga potable
desde o depósito do Pico de Cumbraos. En vindeiras actuacións,
o goberno prevé seguir estendendo a rede a todas as demais
parroquias.
O segundo proxecto, tamén de 112.000 euros, servirá
para ampliar a rede de saneamento no núcleo de Xanceda. Esta
obra continuará outra iniciativa que acaba de aprobar a consellería
de Medio Ambiente, valorada en 200.000 euros e que executará
directamente a Xunta.
O alcalde, Mariano Iglesias, expuxo que ata agora o municipio non
tiña “nin un só metro” de rede de saneamento.
Ademais da necesidade obvia do servizo, a súa dotación
é unha obrigación legal para que o centro da parroquia
de Xanceda poida ser considerado núbleo urbano no Plan Xeral
de Ordenación Municipal, que se atopa en fase de elaboración.
Argumento que desde a oposición recibiron como “lóxico”.
Ademais destes proxectos, o concello aínda disporá de
224.000 euros máis no plan de cooperación da Deputación.
É a cantidade asignada ás anualidades 2010 e 2011. As
actuacións ás que se destinará decidiranse máis
adiante. |
| |
|
|
|
|