Os bombeiros irán para a parcela inicial
do IES do Milladoiro, que pasa a unha maior
Redacción-Ames
O parque comarcal de bombeiros construirase
na parcela prevista nun principio para o instituto de secundaria
e bacharelato do Milladoiro, no S-16 Galdrachán. O centro
educativo pasará a unha parcela do mesmo sector, de 11.800
metros cadrados. Cumpre así as condicións da consellería
de Educación, á que os 4.700 metros cadrados da parcela
inicial se lle facían insuficientes.
O acordo de cesión das parcelas tivo o apoio do PP, que o
ve como mal menor. O BNG deu a negativa no caso dos bombeiros e
abstívose na nova parcela do IES.
Os nacionalistas xustificaron a súa discrepancia en que o
emprazamento decidido para os bombeiros “liquida” o
proxecto do gran parque recreativo no centro do Milladoiro, plasmado
nos orzamentos deste ano con 1,9 millóns de euros. Tamén
cren que a parcela non ten as comunicacións idóneas
para os bombeiros. O Bloque dixo barallar sete ubicacións
alternativas en Ames.
O alcalde, Carlos Fernández, acusounos de dicir “medias
verdades”. Negou que as cesións aprobadas afecten ao
parque central porque as dúas parcelas son para equipamentos,
non zona verde, como determinara un pleno anterior por unanimidade.
E sobre os accesos, aseverou que a construcción do parque
poderá servirlle de “baza” para conseguir melloras
nas vías de comunicación.
|