|
|
A Xunta decántase por instalar unha
pasarela peonil en Présaras
Redacción-Vilasantar
 |
| Visita política
á intersección perigosa |
Os técnicos da Consellería de
Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas consideran xustificada
a instalación dunha pasarela peonil sobre a estrada AC-840
(Betanzos-Agolada) ao seu paso por Présaras, en Vilasantar,
na intersección coa estrada provincial 3205.
A pasarela uniría o centro urbano co resto da poboación,
o colexio e o pavillón polideportivo. Deste xeito, evitaría
as frecuentes situacións de risco no tránsito habitual
de viandantes entre unha marxe e a outra da estrada. A perigosidade
na zona está corroborada por diversos accidentes, algúns
deles mortais, nos últimos anos, se ben a pasarela non serviría
para solventar aqueles nos que unicamente se ven implicados os vehículos,
en varios puntos da estrada no seu percorrido polo municipio.
A necesidade da pasarela peonil fora recollida xa nun informe dos
técnicos do Concello presentado á Xunta tempo atrás.
O alcalde, Fernando Fernández, solicitoulle á delegación
provincial da Xunta unha solución. Agora, o goberno autonómico
opta precisamente pola pasarela.
O Concello non informou aínda sobre se se estableceu xa algún
compromiso orzamentario ou algún prazo para acometer o proxecto.
|
|
|
|
|